A maina espera

Hai xa un bo rato que é noite no Valiño. A Catuxa leva durmindo un par de horas, allea a todo. Na cama, porque xa é maior, co seu canciño, o seu pete e o edredón novo: é verde pistacho, cun enorme zapato de moitas cores.

Isa está lavando os dentes paseniño, mirándose no espello. Gatito está espatarrado na cama, tan longo como é. Eu, co portátil nas pernas, tecleo á luz da lámpada da mesilla. Fóra xa a penas pasan coches.

Parte das bolsas fican na maleta do coche: a roupa de Pauliño, a cámara de fotos (¡como non!), os cueiros, o microscópico biberón (a Catuxa non lle daría nin para un grolo), o leite de iniciación, as chupetas. No cuarto, aos pés da cama, a bolsa da nosa roupa, esperando polo neceser que engadiremos mañán. O espertador preparado para as sete.

Non é doado asimilalo. Mañán levantarémonos como calquera día para ir ao traballo. Pero só dúas ou tres horas despois teremos un fillo entre brazos. Estamos tranquilos, espectantes.

Hoxe foi unha tarde de moita familia, e os próximos días non imos parar. Pero agora estamos nós sós. A miñoca durme, quizáis soñando con Paillo, co seu irmán Paulo. Os seus pais imos apagar a luz e falar quedo, mirándonos aos ollos na escuridade. Non creo que vaiamos durmir moito, esperando - espera maina - polo noso cativo...

Comentarios

Anónimo ha dicho que…
Acouga cuñado, o peor son os primeiros trinta anos.
Anónimo ha dicho que…
Xa teño sobriño.

Entradas populares