Desde o hospital - Día 2

Isto de ser pai segundón é, indubidabelmente, un factor decisivo para a tranquilidade perante a estadía no hospital. Non te sobresaltas con calquera choro, non te fas ducias de preguntas sobre que lle estará a pasar ao neno, se terá frío ou calor, se terá fame ou sono, se necesitará ler un rato; manéxaste con relativa soltura - incluso alguén tan torpe coma min - co bibe, cos cueiros, cos gases. Xa postos, até botas ás visitas ao corredor ou á cafetaría se ves que a nai ou o neno necesitan descansar. Ademais, está o Factor M.

O Factor M de marmota. Non sei que di o DRAE como acepción principal dese termo, pero do que estou seguro é de que na próxima edición - revisada, ampliada e corrixida - figurará unha foto de Paulo. Abraiante o do tipo. Disque no niño pasou unha noite de cine: houbo que espertalo para comer, e nin se alterou cando o bañaron. A mañá foi tamén do máis tranquilo, até a teta das dúas para xantar. Pero o da tarde superouno todo: a pesares do balbordo das visitas, a miñoca nin abriu o ollo; a iso das sete tentamos darlle a teta, pero ficaba durmido irremisibelmente. Houbo que agardar até as dez - ¡oito horas dun tirón! - para que tivera a ben comer un pouquiño. Aínda estaba a trocarlle o cueiro e o raparigo xa roncaba.

Pola tarde veu Catuxa cos avós e a bis. Hoxe tivera un mellor día no cole, e ficara máis dunha hora soa cos compañeiros e a profe. Ademáis, cando chegou atopouse un agasallo inesperado: un Piolín case tan grande coma ela que trouxeron onte Merce e Pedro - con excelente criterio, ao meu ponto de vista (¡grazas aos dous!), traendo non só unha preciosa roupiña para o bebé, senón lembrándose tamén de quen máis trocos ten que afrontar nos dias vindeiros -. A nena estivo mellor, ou eu vinna mellor: non se separou do pío-pío-pío, amosoullo a todo o persoal da pranta, saiu de paseo cos dous avós, merendou e xogou cos curmáns. Fíxose de rogar, iso si, para saír nunha foto co irmán.

A nai xa está durmindo. Pasou unha mañá regular, pero o café de media tarde - previo acordo segredo coa enfermeira - reviviuna e xa puido levantarse e camiñar algo. Está moi ben. Contenta, ademais, porque aleita sen problemas ao bebé. Se todo segue así, seica durmiremos xoves no Valiño. Xa teño gañas.

[P.D.: para que vexades a vesiánica natureza dos avós paternos, que durmen estes días en casa para coidar da Catuxa. O pobre Carpín, afeito a durmir na nosa cama tódalas noites, foi desterrado ao garaxe por unha man despiadada. Man despiadada e menos cobarde ou calzonazos que a miña, que non se atreveu a dar ese paso cando era mester, e agora xa ten todo perdido. O gato durmirá na nosa cama per secula.]

Comentarios

Entradas populares