Sorriso, penico e boneco

Fin de semana caseira que toca ao seu fin. Hoxe, por fin, choveu; choveu abondo toda a tarde, polo que ficamos na casa sen saír (pola mañá foramos ao parque: ¿como prescindir duns minutos de tobogán?).

Caseira, pero deu para tres novidades. A máis importante: o sorriso. Apareceu o sorriso de Paulo. Custa sacarllo, pero se hai sorte, o cativo sorrí. E isto é un fito moi relevante para todo pai: o primeiro sorriso do seu fillo.

O penico (ou ouriñal). Catuxa está en proceso de aprender a facer pis de seu. Na fase actual, a rapaza di "quero facer pis" (díxoo tres veces esta fin de semana). Non queda outra que acompañala até o penico, axudala a espirse e deixala un rato soa, lendo o seu libro dos Bolechas mentres se concentra para mexar. De momento, sequía absoluta, pero as intencións son boas.

E o boneco. Paulo xa ten o seu particular canciño. O canciño de Catuxa é o seu inseparábel amigo que, necesariamente, ten que apertar para durmir. Paulo, imitando á súa irmá, ten xa un boneco ao que colle das orellas coas súas pequenas manciñas. Non ten nin dous meses o rapaz, pero parece que o contacto co amiguiño de peluche xa forma parte esencial da súa curta vida.

Comentarios

Entradas populares