Un susto

Pauliño pasou unha mala fin de semana. Pouca fame - que xa é dicer -, pouco riseiro, algo de febre. Seica non tiña gañas de comezar coa gardería, algo previsto para hoxe.

Pero esta mañá ergueuse con case corenta de febre. Levouno a súa nai a Urxencias e eu saín correndo do traballo cando me chamou mentres lle cravaban todo tipo de agullas. Tras case catro horas de probas - pobriño, que pinta tiña: vermello de chorar, coa vía cravada na boneca manchada en sangue, varios algodóns polos brazos e unha bolsa de plástico no pito, para recoller ouriña. Sacámoslle unha foto que xa vos amosaremos - e debido a unhas abundantes manchiñas de sangue que tiña na zona das axilas - petequias, chámanse -, decidiron os médicos ingresalo. Ao parecer, as petequias son síntoma dunha posíbel actividade bacteriana ou vírica intensa.

Así que alí quedou a miñoca. Rendido, na súa cama de habitación de hospital, durmindo co antibiótico e o suero a travás da vía. ¡Daba unha peniña! Pasou toda a tarde durmido coma un bendito, coa avoa Susa gardándolle as veiras.

A súa irmá fíxolle unha visita ao saír do cole. Arestora, bebé e mami durmen no hospital. Catu leva xa tres horas na cama e eu estou a piques de facelo. Dixéronnos que era algo puramente preventivo, por precaución, e que en dous días viría para casa. Esperemos que así sexa.

[Agora que non nos oen, os avós paternos andan de viaxe por Francia, ignorantes do cotarro. Hoxe tiven que mentirlles cando me preguntaron, por teléfono, se Pauliño fora á gardería: "Non, que pasou a fin de semana un pouco pachucho". Son capaces de virse desde París se saben a verdade]

Comentarios

Entradas populares