A panteira do Valiño

Xa comentamos en varias ocasions a estupenda adaptación do gato da familia á súa nova vida campestre, para a nosa sorpresa e a miña ledicia; pero co que non contabamos era con que aflorase o instinto cazador do felino. Así, Carpín deléitanos de cotío cos seus trofeos de caza menor e xa en máis dunha ocasión atopamos con Catuxa paxariños "durmindo" no baño do garaxe ou toupiñas repousando panza arriba sobre o felpudo da entrada a pleno sol.

Unha auténtica panteira que se transforma nun lindo gatiño cando se trata de aguantar os "aloumiños" dos pequenos da casa, sobre todo de Pauliño, que aínda fai demostracións de agarimo sen medida.

Comentarios

otomano ha dicho que…
Non podo crer que o "Pai da Catuxa" admita a convivencia cun ser vivo que comparte o nome co ex-xogador ruso-estonio do Celta de Vigo (agora promotor inmobiliario e ciclista) ... A simple idea que ese nome teña connotacións agarimosas para unha filla dáme arrepíos.

En canto os agarimos sen mesura dos cativos, o can da miña nai sufriu os da Claudia (2 anos) con paciencia infinita este verán.
Manoel Foucellas ha dicho que…
Este é un caso claro deses recunchos escuros do cerebro que un non pode controlar.

¡Fun eu quen propuxo o nome! Aínda non sei por que, pero facíame graza asociar a xenreira cara á loira celeste cun doce nome de gatiño (por certo, tamén cordialmente odiado).

E para que non queden dúbidas, é Carpín, con acento no "i".

Entradas populares