Fin da nosa "Andaina"

Hoxe foi o último día de escola. Rematou o curso e con el rematou tamén a nosa estadía en Andaina, o primeiro cole de Catuxa. Todo o que digamos vai ser pouco: o trato recibido foi inmellorable e a cativa erguíase encantada as 7.45 da mañá para ir a ver a Rebeca (a profe) e aos amiguiños no bus con Cholo (o conductor) e con Hilda (a coidadora).

Esta tarde, por ser a última, papi e mami achegámonos a recoller a Catu e a despedírmonos de todos aqueles que compartiron con nós todo este tempo. Aínda que Catuxa non alcanza a comprender e estaba alegre decíndolle chau-chau a todo o mundo, para nós, a despedida foi un pouco triste e moi emocionante: con Rebeca na aula, que vai botar de menos aos nenos que falten o curso que ven, e fóra no aparcadoiro dos buses, onde os compañeiros de ruta da nena, rapaces de dez ou doce anos, se despedían dela agarimosamente, e os coidadores doutros buses lle desexaban "feliz verán Catuxa", (asombrados quedamos de que tanta xente a coñecera polo seu nome).

E que dicir de Cholo e de Hilda, que non se puideron portar mellor durante todo o curso, despedíndose con bicos e apertas. Imolos botar moito de menos.


Que sirva este post de pequena homenaxe de gratitude a todos estes amigos, e para que Catu poida lembrar dentro duns anos como foi a súa primeira experiencia escolar e a cantas persoas estupendas atopou nela.

Graciñas por todo e ata sempre.

Comentarios

Entradas populares