Romaría de fin de curso

O sábado pasado estivemos os catro na romaxe de fin de curso do cole de Catuxa, xunto con outras ducias de familias e centos de nenos que non pararon de xogar e berrar en todo o día.

Chegamos ao campo da festa a iso da unha da tarde. Tiramos na herba, á sombra dunha árbore, a nosa alfombra do xardín e dela tomou posesión Paulocho. Catuxa axiña albiscou aos seus compañeiros de clase - Uxía, Mateo, Manuel, Sara xa correteaban por alí - e marchou xogar con eles a unha tenda-autobús que alguén trouxera.

A romaxe non ía frouxa de xantar: empanada de bonito, croquetas, tortilla e polbo. Catu pouco probou disto; máis ben deu conta de boa parte da papilla do seu irmán.

Logo, pola tarde, máis xogos, un grupo de pallasos, algunha que outra pelexa, a merenda, e aínda máis xogos. Os rapaces chegaron escangallados ás súas camas.



Comentarios

Entradas populares