Amañando a gorxa

Chegou o día que tiñamos programado hai xa perto de tres meses para quitarlle as vexetacións e as amígdalas a Catuxa.

A iso das cinco e media tomamos posesión do cuarto no hospital, nun ambiente de humor e emoción pola novidade. A cativa aínda non sabía o que lle viña enriba. De feito, podedes ver nas fotos o leda que andaba co seu camisón "novo". E fixádevos, ademais, en como Don Bigotes tenlle usurpado o sitio ao fiel canciño, mascota preferida desque naceu a Catuxa.



Foron algo máis de dúas horas de espera maina até que chegou o momento de baixar para o quirófano. Pero claro, cando as enfermeiras trataron de levarse á miñoca na cama, esta dixo que nones. Polo tanto, tiven que levala no colo até o lugar do crime.

E aí tivo lugar o momento de máis intensidade da tarde. Cando as enfermeiras colleron á nena, Catu botou a chorar desconsoladamente, no seu camisón e agarrando a Don Bigotes con tódalas súas forzas, mirando para o seu pai, chamando por papi, suplicando cos ollos - que mirada, tardarei en esquecela - que non marchara de alí, que a salvara de toda aquela xente tan rara. Sentinme como un maldito traidor deixándoa alí, vendo como se alonxaba mentres as portas se pechaban.

Pasou unha hora e a doutora anunciounos que xa a subían. Os berros e choros sentíanse xa desde o momento en que a cama saiu do ascensor. Alí viña, sangando polo nariz, buscando desesperadamente a alguén coñecido. Foron máis de dez minutos de colo e aperta até que acougou un pouquiño, mentres seguía chorando e botando algo de sangue polo nariz, atada - como presa na cadea - polo cable do suero. Logo ficou durmida nos meus brazos e non fomos quen de pasala á cama nun bo rato: negábase.


Por fin, pasados xa os seus bos minutos, xa durmía na cama, respirando con bastante dificultade. Escrebo desde a casa, mentres nai e nena durmen no hospital. Mañán, ben cedo, cando chegue a velas, seguro que xa se atopan estupendamente. Pero, de momento, aínda non esquecín eses ollos...

Comentarios

Moraiminha ha dicho que…
Pobriña! É moi pequena para entendelo, pero igual tamén por iso pode que o esqueza antes...

Entradas populares