A maldade, o medo, o amor

Nas últimas semanas estamos vendo como determinados conceptos abstractos van tomando forma, maniféstanse por primeira vez no aínda inmaduro cerebro da Catuxiña.

Por unha banda a maldade, os malos. Catuxa concreta a maldade en catro persoaxes: por riba de todos, Cruela de Vil (a malvada de 101 Dálmatas) e Scar (o irmán malo de Mufasa, o pai de Simba, o Rei León); pero tamén nuns misteriosos "cazadores", así, en xeral, e nun non menos misterioso "señor" que "está fóra do Valiño". Para ela son os malos da película, e a cada pouco anda a dicir "coidado, que ven Cruela de Vil" ou "papi, dille a Scar que lisque, que é moi malo".

En determinados momentos, estas expresións van acompañadas dunha certa anguria. O medo concrétase, aínda difuso, por primeira vez nunha rapaza de tres anos. Apreta a man máis do normal ou asoma un aceno diferente na súa cariña. Hai que asegurar, pola noite, que temos falado con Scar para que lisque, e así fica tranquila na cama.

E, por último, desde que chegou Pepita, Catuxa é outra. Xa sinte a responsabilidade de ser nai: Pepita vai sempre con ela, a almorzar, a mirar como se baña e, por suposto, a durmir; ponlle os calcetíns para que non teña frío nos pés e faille uns chichos para que estea guapa. Hoxe botou a chorar cando a tirei ao chan dun xeito algo brusco. E, confusa, non sempre responde o mesmo á difícil pregunta: "¿a quen queres máis, a Pepita ou a Paulo?".

Non deixa de ser curioso e enternecedor observar como, de vagar, este tipo de sentimentos vanse instalando no interior da miñoca, até formar parte da súa realidade, da realidade dunha cativa de tres anos.

Comentarios

Entradas populares