A primeira vez en vinte meses

Catuxa parécese máis ao lirón que a calquera outro animal. Non hai quen lle quite as doce horas de sono nocturno nin a súa sesta de dúas horas tralo xantar. E todo, todiño, dun tirón.

É moi rara a noite na que Catuxa esperta. Neses casos, abonda con lle pór o chupete, darlle un aloumiño no pelo e xa fica durmida de novo.

Esta mañá, contra as seis, Catuxa chorou. Un pesadelo, seguro. Fun cara ao seu cuarto para aplicar a receita habitual. Pero cando voltaba á cama, Catuxa choriqueou de novo. Dinlle máis aloumiños, pero non calaba. Tras un par de minutos, por primeira vez en vinte meses (vinteún menos tres días, para sermos exactos) leveina para a nosa cama.

Alí estabamos os tres, ás seis da mañá, espertos. Catuxa estaba cos ollos como pratos, fitando para o teito. Non durmía. Só lle daba chiscos ao chupete. Pasaron os minutos e foi relaxando, até que quedou durmida de novo. Entón, a nai e máis eu pechamos os ollos tamén.

Unha hora máis tarde espertei de novo. Collín a Catuxa, pracidamente durmida, e leveina para o berce. Pero non quixo: tornou a chorar de novo, así que os dous de volta a cabo de mami. Un par de horiñas maís durmindo os tres xuntos.

Foi raro. Non sei se é que tivo un pesadelo moi forte ou que uliscaba a fuxida de Tito.

Comentarios

Entradas populares