A gourmet xa toma de todo

[En castellano] Xa diciamos hai algúns meses que a miñoca aponta a Gourmet. Se de máis cativa era porque só tomaba da súa comida preparada na casa - nada de potitos comerciais -, agora, con máis dun ano, é porque quere probar todo o que se lle pon a tiro. Lóxico, sendo filla dun blogastrónomo.

A pasada fin de semana fomos con Tornillo e Tuerca ao Xurés: Catuxa coñeceu a neve, como xa dixemos. Ao longo dos tres días, Catuxa tivo que adaptarse aos nosos horarios e, agás nos bibes de almorzo e cea, tamén aos nosos menús.

¿Alguén pensa que isto supuxo problema algún? A escena máis habitual era: os catro adultos sentados á mesa nalgún restaurante, Catuxa nos xeonllos do seu pai; ante calquera movemento de comida na mesa, "chhhuapp", chisco que te criou. Isto, en linguaxe catuxeira siñifica "quero probar iso que semella tan celmoso e que estás a papear".

Deste xeito, a Catuxa papou caldo de repolo, corzo estofado, un primeiro surtido de sobremesas, bacallao con broa, cabrito, bolo de bolacha, un prato enteiro de sopa de cocido, garavanzos, lacón, polo, de novo bolo de bolacha e outras sobremesas finais.

Unha bendita, a cativa. Sae máis a conta darlle dez euros e mandala a xantar de seu!

Comentarios

Entradas populares