O triciclo

[En castellano] Cando falabamos do aniversario da nena, faciamos un repaso dos agasallos, pero algún quedou pendente.

Os tíos Juan e Merchi - e os curmáns Marco e Alex - regaláronlle a Catuxa un triciclo completamente equipado, coas súas bolsas para levar as cousas, o seu cesto portaequipaxes e o seu freo de man.

Pero, até o de agora, as ocupacións laborais e, sobre todo, as choivas que estaban a caer sen parar, impediron que saíramos co triciclo polas rúas.

Pese a isto, a nena colleulle moito agarimo ao trebello. Atopou o sitio onde o gardamos na casa e, invariablemente, cando chego do traballo, Catuxa empurra todo o que hai en derredor, despexando a zona, e sinala para a bici con ollos implorantes, pregando por un paseo.

E así é: tódolos días saímos dez minutiños ao corredor entre as vivendas do noso piso, a facer exercicio. Ollade para a cara de velocidade da miñoca.

Pero, por fin, hoxe chegou o día en que puidemos saír a dar unha volta polo xardín a carón da casa. E a miñoca gozou do lindo: parecía no Tour de Francia, pedaleando (é un dicir: non chega aos pedais) entre árbores e outonais follas caídas no chan.

Premede nas fotos para velas grandes: paga a pena.

Catuxa no triciclo Catuxa no triciclo
Catuxa no triciclo

Comentarios

Entradas populares