As babas do papá

[En castellano] O luns, ao saír do traballo, fomos recoller a Catuxa a Monte Alto, xa que pasara o día cos avós maternos. Eran xa as oito e pico, noite pechada, e iamos co tempo xusto para recoller á nena e chegar á casa para a hora do baño: as nove en punto.

Aparcamos o coche, subimos as escaleiras ata o primeiro piso, entramos e dirixímonos cara ao salón, onde agardaban os avós coa nena. De primeiras non se deu conta de que estabamos alí, pero, de súpeto, viunos.

E nese intre foi cando empecei a babexar. A miñoca, desde o outro extremo do salón, arrincou a correr cara a min todo o que lle deixan as súas patucas e o seu precario equilibrio, ao tempo que erguía os brazos en xesto de "colo, colo" e balbucía algo inintelixible pero encantador. Para cando chegou ao meu carón, o charco de baba xa cubría polos nocellos.

Aquel día foi o primeiro. Non sei se esa estrana intelixencia que teñen os cativos lles permite adiviñar os sentimentos dos seus pais, pero o certo é que, desde entón, ese é o recibimento que teño na casa tódolos días. E vaia, aínda sigo a babexar...

Comentarios

Entradas populares