Flipando no Toys 'R' Us

[En castellano] Antonte fomos os papis e maila nena ao Toys 'R' Us. Tiñamos que mercar unha cadeira para o coche pequeno: a miñoca xa non cabe na Maxi Cosi.

Ao entrarmos na tenda, eu levaba a Catuxa no colo. Pero en canto viu o balbordo de nenos, xente e cousas dixo que non, que ela xa é maior para camiñar. Así que Catuxa ao chan.

Cos seus andares de pato algo bébedo, iniciou a marcha diante de nós polos primeiros corredores, ata que, ¡ta chan!, abriuse ante os seus ollos un panorama inabranguible de bonecos, peluches e monicreques.

A rapaza non sabía cara onde mirar, nin cara onde ir. Daba uns pasos, paraba, ría e daba a volta mirando para nós, como dicindo, "como non me trouxestes antes a un sitio así?".

Parcialmente recuperada do shock, avanzou con decisión cara ao andel dos monicreques máis grandes e peludos, berrando "Pi, Pi!!" (a nena aprendeu, máis ou menos, o nome de Epi, un boneco que ten no Peredo e na casa; para ela, tódolos bonecos son agora Epi). Achegouse ao andel e ficou diante. A secuencia foi a seguinte: primeiro fitou un bo anaco para un orangután marrón moi peludo; logo riu bastante e comezou a bailar (o que quere dicir mover o cu para arriba e para abaixo sen mover os pés); posteriormente deulle uns aloumiños ao mono; e finalmente, como se de Carpín se tratase, comezou a tirarlle do pelo e ameazou con lanzalo ao chan, momento no cal tivemos que intervir.

Os seguintes cinco minutos foron frenéticos: de andel en andel, o pato bébedo corría brazos en alto, berrando sen parar "Pi, Pi!!" e saltándose os pasos iniciais da secuencia, indo directamente á fase violenta.

Como tras tódalas treboadas, acabou chegando a calma, para satisfacción dos monicreques e tristura dos abraiados compradores do Toys 'R' Us, que pasaron un anaco tan divertido como os papis e a propia Catuxa. Quen di que ir de compras non é entretido?

Comentarios

Entradas populares