Tap, Tap, Tap

[En castellano] Son as oito e media da tarde, aproximadamente. Só hai catro ou cinco días disto. Canso, chego á casa do traballo. Abro a porta, e mentres quito as chaves, o son vén da habitación da Catuxa. Tap, tap, tap. Deixo as chaves e a carteira no moble da entrada. Tap, tap, tap, xa polo mínimo corredor. "Aí vén a nena da man da nai, a saudar. ¡Que agarimosas!", penso. TAP, TAP, TAP.

Non saio do meu abraio. Aí vén a nena, si, ¡pero soíña! Ri, sobre todo cos ollos, case escarállase da risa; abanea, bota os brazos, avanza torpe coas súas zapatillas azuis. Póñome de crequenas e cólloa no colo. Pídolle un bico, e damo. Aparece a nai, e tamén ri, tamén ri cos ollos.

Doulle a volta a nena, para que mire á nai. Balbuce algo na súa lingua e avanza, brazos en alto, cara a ela. Dous pasos, tres, catro. Xa está na súa aperta.

Definitivamente, chegou o día. A nena xa anda soíña. Torpe e insegura, pero soíña. Carpín treme. A nai sorrí. Eu tamén sorrío.

Comentarios

Entradas populares