O tobogán xigante

Esta mañá, xa que iamos xantar á casa dos avós de Monte Alto, aproveitamos para dar unha volta polo centro de Coruña. Estamos nas festas de agosto, e hai moitas cousas que ver e facer: por exemplo, mercamos dous libros para Catuxa na caseta que Kalandraka ten na feira do libro.

A poucos metros de alí, nos xardíns, puxeron un tobogán king size que os nenos non coñecían. A reacción da Catuxa foi inmediata: subiu perdendo o cú as escaleiras, pero cando chegou arriba e asomou... ¡carallo, porque non ten ovos, que senón estarían xa na gorxa! Houbo que facer de todo para convencela, pero ao final tirouse chorando e papi colleuna a metade de baixada.

Pola súa contra, á miñoca non lle influiu a congoxa da irmá. Subiu bulindo e baixou igual de rápido. Voltou subir, pero desta vez a baixada foi acompañada por unha interesante cara de susto. Á terceira aconteceu o que podedes ver no vídeo.

Catuxa, ferida no orgullo, deu en subir de novo. E Paulo, desta vez, dicía que non baixaba nin tolo. Tras intensas - e inútiles - xestións, houbo que recorrer a un pequeno empurrón do neno da camisa amarela e os vaqueiros.

Iso si. Unha vez que lle colleu o tranquillo, a Catuxa xa non había quen a afastara do tobogán xigante.

Comentarios

Entradas populares