Cantajuego e Mickey

Como xa sabedes os que isto ledes, os debuxos favoritos dos ananos son Cantajuego (aínda que estes, en realidade, non son debuxos) e Mickey Mouse en tódalas súas versións. Sendo máis precisos, hai tempo que Catuxa prefire outras cousas (Lazy Town, as películas de debuxos de Pixar, os clásicos de Disney...) pero Paulo devece por Cantajuego e por Mickey.

Pos ben, o vindeiro venres 21, o grupo de Cantajuego actúa na Coruña, no Coliseo, e alí estaremos os catro. E, por se non abondaba, a mediados de outubro, hai un musical de Mickey e os seus amigos tamén no Coliseo. E tamén iremos, claro. Teño moitísimas gañas de ver as súas reaccións, en especial a do miñoco.

Namentres, terceiro día de vacacións, que transcorren razoablemente plácidas, agardando a que mami poida coller as súas. Catuxa non quere saír da pisci: báñase tódolos días alomenos catro veces; non pasa menos de hora e media ou dúas horas na auga. Paulo tómao máis a modo; hoxe, alomenos, xa ficou sentado no primeiro chanzo da escaleira, cos pés na auga, xogando cunha pá. Pero de meterse máis, non quere saber nada. Aínda...

Comentarios

Entradas populares