A conversa

Como xa sabedes, aquí no Valiño somos moito de rutinas, especialmente no que atinxe aos rapaces.

A máis marcada, probablemente, é a que ten que ver co complexo proceso cea+deitada de Catuxa. A secuencia vén sendo máis ou menos a seguinte:
  • Ao rematar a cea - sopiña, spaghetti, tortilla -, imos tomar a sobremesa - iogur, flan - ao sofá, mentres vemos un ratiño os debuxos animados.
  • De seguido, subimos para o aseo. Un pis e e lavar os dentes, mentres Pauliño é deitado no seu berce.
  • Bico e "moitas noites" a Pauliño e para o seu cuarto.
  • Quitar as zapatillas, poñer o cueiro, quitar os chichos, meterse no saco.
  • Leitura conxunta do conto.
  • Luz apagada e masaxe nas costas, de duración a determinar pola propia Catuxa.
  • E, por fin, para rematar: a conversa.
É o da conversa un costume recente. Basicamente, consiste en que, tralo bico de boas noites, e xa ás escuras, papi ten que ficar na porta do cuarto escoitando un interesante monólogo de Catuxa que se estende por un par de minutos.

O monólogo versa sobre os temas máis destacados do día: as incidencias do cole ("hoxe Daniela chamoume 'pequeñita'"), a planificación da noite ("agora baixas a tomar un bocadillo, logo tomas un iogur, despois ves o partido e logo xa durmes, ¿vale?"), a xestión das emerxencias ("se me doe a boca, chámote, ¿vale?") ou calquera outra cousa - normalmente varias, inconexas - que teña na cabeza a rapaza.

Pese ao cansanzo que xa un leva enriba a esas horas - máis ou menos, as nove e cuarto - é unha experiencia verdadeiramente satisfactoria. Penso nese programa de televisión no que o presentador - sobre a mesma hora - empeza: "Relájate, relájate" (xa pasou o día, o traballo, o atasco, a tensión: o que queda só é tranquilidade e descanso antes de cama). Son dous minutos como de paz, co sonriso debuxado na boca - en toda a cara - nos que os problemas desaparecen. É a maxia dos nenos.

Comentarios

Entradas populares