Aniversarios

O primeiro, por diante de todo, corrixir un imperdoábel erro. Hai pouco máis dun mes celebrabamos o primeiro aniversario do Pauliño. Foi un día estrano, por cuestións que non veñen ao caso, pero nin unha foto deixamos por aquí.

Certo é que Pauliño xa ten demostrado que isto das aglomeracións non lle vai moito. Se a isto engadimos un par de dentes rachando nas encías, pois temos unha tarde de escasos azos. Velaquí a proba.

 
E onte, un ano máis, o dobre aniversario avó-neta. O terceiro da Catuxa, que volveu xuntar toda a familia no Valiño. A rapaza pasou boa parte da festa soterrada nos agasallos que lle trouxeron avós, tíos e curmáns. Polo que se ve, non foi moi desagradábel.

Un deses agasallos foi unha funda de edredón de Juan e Tolola, que xa fica na súa cama. Aquí están os dous irmáns posando diante da mesma.

Chegou o desexado momento da tarta. Catuxa levaba máis de dúas semanas preguntando polas candeas que tiña que soprar; tanto lle prestou o momento que houbo que repetilo. Manu, pola súa banda, mantén a mestría no sopro de candeas (botádelle unha ollada á proba de hai dous anos).

Xa avanzada a festa, parece que Paulico foi superando os seus traumas cos balbordos de xente, deixou de chorar, e adicouse a pasear, ao seu xeito, entre mobles e curmáns, lucindo a súa vestimenta de homiño (fixádevos no estrano xeito de coller o chupa-chups).

E, para rematar, a tradicional foto de familia. ¡Que cumprades moitos máis!

Comentarios

Entradas populares