Unha traxedia grega

Primeiro as vacacións e logo a voráxine de traballo que atopei á volta. A cousa é que levo - imperdonábel - moito sen postear. Asi que agora, por fin, en lugar de ficar diante do televisor para ver como os dous de sempre resumen os catro anos de mentiras en hora e media, anímome a comentar a anécdota do día.

Hoxe, para variar, cheguei a casa cedo. Así que puidemos coincidir os catro na cociña, sentadiños mentres lle dabamos a cea a Catuxa. Paulo andaba moi riseiro, e botaba sonoras gargalladas cando lle faciamos ruídos raros. Para meter á irmá no allo, pedinlle a Catuxa que lle fixera ruidiños a Paulo, pero...

...a Catuxa non se lle ocorreu mellor cousa que botar un berro. E claro, Paulo asustouse e rompeu a chorar - bágoas incluídas, por certo - con todo o que daban os pulmóns. ¡Tiñades que ver a cara da pobre Catuxa! En dez segundos pasou de tremendamente compunxida ao mellor aceno interpretativo de pucheiros até que, finalmente, rompeu tamén a chorar.

Xa tiñamos o concerto argallado. O bebé choraba; a irmá choraba porque o bebé choraba; e o bebé choraba máis ao ver á irmá chorar. ¡Un poema! Tivemos que empregar as nosas mellores armas de pais para acougar a ambos: foron tres ou catro minutos de zozobra aguda.

Pero non hai treboada que non remate, e ao cabo as augas voltaran ao seu sitio. Catuxa xa lambía novamente na sopa e Paulo ría no colo da nai. Un rato máis tarde, xa cos rapaces durmindo, os que non parabamos de rir eramos nós, lembrando o drama. ¡Que sería da vida sen estes intres de ledicia familiar!

Comentarios

Entradas populares