Dr Jekyll e Mr Hyde

Como na novela de Stevenson, Paulo ten desdobramento de personalidade.

A maior parte do día é o doutor Jekyll: tranquilo, simpático, bonachón; sorrí, balbuce, fai ruidiños ben simpáticos; xoga na hamaca, no ximnasio ou no berce. Da gusto mirar para el.

Pero, carallo, cando a fame apreta, Paulo transmútase: Mr Hyde entra en escea. Os berros e os choros sucédense cun nivel de decibelios insoportable, da igual que sexan as sete da mañá ou as cinco da tarde. Os segundos no microondas, mentres se quece a auga do bibe, fanse eternos. Pórlle o babeiro é tarefa imposible, entre berros e movementos espasmódicos das mans. Acertar co bico, igual.

Só cando os grolos van baixando pola gorxa, cando medio bibe xa fica no bandullo de Paulo, Mr Hyde retírase para deixarlle oco, por unhas cantas horas, de novo ao Dr Jekyll.

Comentarios

Entradas populares