Durmindo

Da igual que fora un duro día de traballo ou un máis relaxado da fin de semana; tanto ten que caeran chuzos de punta ou fora un sol de carallo; é o mesmo que quedáramos no Valiño ou marcháramos de excursión. A cousa é que, tódolos días, antes de deitármonos, pasamos visita aos cuartos dos rapaces.

No seu, Catuxa durme de través na cama, metida no saquiño. Agarrada ao canciño, con Piolín vixiando atentamente, apura as horas até o madrugón para ir á escola. Ten a cabeza pegada á almofada, o pelo mollado do suor.

Paulo fica na mesma postura na que o deixou a súa nai no berce, xa cos ollos pechándose nos últimos grolos do biberón. De lado, coas costas na almofada e tocando cunha manciña, maina, ao boneco azul. É a imaxe da dozura.

Despois de velos así, unha sensación de acougo enche o corpo, como dicindo: xa podes ir durmir tranquilo.

Comentarios

Entradas populares