Mariola acuática



Vai facer un ano que recibimos no Valiño a visita duns amigos de sempre: Nachito e Mirena, co pequeno Mario de poucos meses. Pasamos un día estupendo comendo carne á grella (o prato por excelencia para un bo arxentino como Nachito), xogando no xardín e nadando na pisci cos cativos.

Como cabía agardar, os convidados trouxeron unha chea de agasallos para Catu e Paulo: xoguetes para a praia, moedas de chocolate (que duraron un abrir e pechar de ollos) e unha caixa cun xogo que non estreamos por que o xardín non estaba nas condicións mais idóneas.

Rematou o verán e mami gardou todo o relativo a piscina e praia no trasteiro, e hoxe, remexendo por alí, Catu atopou a famosa caixa coa mariola e decidimos estreala.

O cacharro é unha especie de colchoneta que se enchufa na mangueira e, coa presión, a auga sae por uns buratiños que ten estratexicamente colocados para que chegues o final do percorrido sen un centímetro de pel enxoito. Como podedes comprobar Catu pasouno pipa chimpando e mollándose, mentres Paulo disfrutaba dende a distancia rindo a gargalladas as toladas da súa irmá.

O mais curioso de todo sucedeu cando nun primeiro momento lle preguntei a Catu de onde saira aquela caixa e ela respostou sen dubidar: "mami, foi un agasallo de Nachito, o papa de Mario, non lembras?", ("será petarda que todo o sabe", pensei eu).
Graciñas a Nachito, Mirena e Mario por estos momentos de lecer e un bico para os tres.

Comentarios

Entradas populares