Unha mañá de sábado

[En castellano] Hoxe sonou o despertador algo máis tarde das nove e media, pero apagámolo e seguimos durmindo. Algo así como vinte minutos máis tarde, sentimos o chamado de Catuxa, que seguramente quería dicir: "¡Hoxe é sábado: erguede, lacazáns!"

Despois do regulamentario biberón e do almorzo dos papis, chegou o momento de prepararse para a piscina: unha das actividades favoritas da Catuxa. Nada máis ver o seu cueiro/traxe de baño, comezaron as risiñas nervosas e as emocións: a cativa tirouse case dez minutos á beira da porta, mirando para nós cando pasabamos por diante - aínda cos últimos preparativos - cuns ollos de "¿pero a que esperades? Decididamente hoxe estades do máis preguiceiro".

Os apenas dez minutos de camiño no coche fixéronselle eternos á miñoca, quen cando finalmente descobriu o edificio da piscina palmeou e riu: "¡por fin, por fin!". Media hora de relax e diversión na auga coa súa nai, e dez de exhibición paseando pola entrada, esperando mentres aquela remataba de vestirse. Imaxinade a escena: unha cativa de catorce meses, en chandal verde pistacho e pelo mollado, perfectamente peiteado tipo Mario Conde, camiñando sen rumbo como torpe parrulo e rindo ao ser mirada pola xente.

Foi chegar á casa e pasar ao seguinte chanzo de esixencia: "E agora, nugalláns, un paseo en triciclo". Non quedou outra, claro. Baixamos ao xardín a pasear e, como era preto da unha e os pais andabamos co buraco no bandullo, fomos tomar unha tapa. Bueno, o de unha tapa é un dicir, porque no meu caso, da metade da tortilla deu conta a miñoca.

E para rematar, Catuxa meteuse entre peito e lombo un prato de spaghetti con espinacas e bonito. Comida estudantil onde as haxa, había que ver á miñoca sorber nos spaghetti que quedaban pendurando dos seus beizos, co fuciño suxo de mollo de tomate.

Loxicamente, agora Catuxa durme.

Comentarios

Entradas populares