Nemo vai botar o lixo

O contedor do lixo fica a uns douscentos metros da nosa casa. Normalmente, ir botalo é cousa de catro ou cinco minutos. Agás, claro está, que Catuxa se emperre en acompañarte e, aínda máis, que "Nemo quera ir tirar o lixo".

Así que alá nos fomos os tres: papi cargado con tres bolsas de lixo, Catuxa co seu "xersei do moucho" (xersei de lá, de puro inverno, pero que como ten "moitas cores" non se apea en pleno agosto) e o propio Nemo, na súa primeira excursión fóra da finca.

Foron perto de vintecinco minutos o paseíño, dadas as dificultades de Nemo para avanzar entre as follas da estrada, e o emperro de Catuxa en collelo no colo cada vez que se atrancaba; ademais, por suposto, de cada vez que tivemos que abandoar a beirarúa para cruzar a estrada: "Nemo, imos no colo, que veñen moitos coches".

Iso sí, rin moito. Déixovos unha foto tirada co móbil pero que ilustra ben a situación.

Comentarios

Entradas populares