Leituras

Para a nosa desgraza, neste país cando unha familia decide educar aos seus fillos en galego, as opcións que ten para a leitura (e para os debuxos, e para os xoguetes, e para as escolas, e para...) son mínimas. Pero non pasa nada, os nosos governantes (antes os uns, agora os outros) seguirán a enterrar cartos en cidades da cultura que van vir resolver todos estes problemas. Todos sabemos que polo galego van facer moito máis varias toneladas de hormigón que educar aos nosos rapaces nel. En fin.

Pero bueno, digresión á marxe, nestas circunstancias, cando alguén fai algo nesta liña cómpre agradecelo. E a editorial Kalandraka é das que traballa para que os rapaciños teñan a opción de ler magníficos libros na súa lingua. O outro día, na feira do libro da Coruña, mercámoslle dous deles a Catuxa, aproveitando a caseta da editorial.

O primeiro é un clásico do ano 1968: "A eiruga larpeira", de Eric Carle. Fala dunha eiruga que, desde pequecha, devece por comer; e rilla na froita (mazás, amorodos, ameixas), e rilla noutras cousas (tartas, salchichas, queixo), e segue a comer, até que se transforma nunha espléndida bolboreta.

O segundo é obra de Michael Grejniec: chámase "A que sabe a lúa". Os animais, curiosos, queren saber a que sabe a lúa, pero non chegan a collela. Deciden axudarse e facer unha torre: o sapoconcho gabea ao cumio dunha montaña, e riba del suben o elefante, a xirafa, o raposo.. e unha chea de animais que terminan achando que a lúa sabe a...

Dúas xoias de libros. Que non vos estrañe que tódalas noites teñamos que adicarlle un bo rato a ler un ou outro coa Catuxa antes de durmir.

Comentarios

Entradas populares