Pasaxeiros, ao tren!

Levabamos tempo matinando en levar aos nenos á súa primeira viaxe en tren, e esta pasada ponte da Constitución deuse a oportunidade. Luns, festivo, achegámonos pasado o mediodía á Coruña cos rapaces, aparcamos o coche, mercamos os billetes e subimos ao tren rumbo a Santiago.



Tiñamos claro que para Catuxa a cousa ía ser moi divertida, como tal foi. Pasou o rato mirando pola xanela, preguntando todo, paseando polo pasillo, agachándoxe baixo o asento, facendo amizades coas señoras compañeiras de vagón. Pero a reacción de Paulo, trala infausta viaxe polo catamarán do Sil, era unha incógnita. Afortunadamente, ficou acougado todo o tempo, sentado no colo de mami.





Logo, aproveitando que en Compostela non chovía - só orballou un chisco ao final - dimos un bó paseo polo casco vello, visita á catedral incorporada tralo xantar (por certo, infláronse os dous a croquetas e bisté con patacas).





Á tardiña, de volta para a estación, con Paulo durmido, derreado, na cadeira tapada polo plástico.A viaxe de volta fíxose máis curta, xa que adicaron gran parte do tempo a dar boa conta da merenda que lles levara mami.

En fin, un día moi divertido, coa nova experiencia do tren e coa tamén novidade de Santiago que, segundo Catu, "está chea de castelos e igrexas".

Comentarios

Entradas populares