O casamento

O sábado estivemos no casamento de Anxo e Susana, a curmá de mami que lle fixera hai tempo a Catuxa as súas fotos de top model. Tivemos un soleadísimo día de San Valentín, o que nos permitiu gozar do estupendo entorno do Pazo de Bidueiro, moi perto de Ordes. Comemos moito e ben, e comezamos o baile até que as forzas da pequena Catuxa non daban para máis.

Paulo ficara no Peredo, porque aínda é moi cativo para este tipo de saraos, pero Catuxa acompañounos, aproveitando a presenza de avós, tíos e, sobre todo, dos curmáns Marco e Alex. Tiñamos serias dúbidas sobre que día nos agardaba: se un ataque de "papite" que a tivera pegada ás nosas saias toda a festa; ou unha tarde de xogos cos curmáns.

Particularmente, eu era moi escéptico cando a deixaba na mesa dos rapaces, cunha piruleta na man - deu boa conta de numerosos pinchos de polbo no aperitivo previo - e sentada nunha cadeira ubicada estratexicamente entre os dous curmáns, con catro nenos máis en derredor. Pero, sorpresa, foi case a última vez que a vin en horas. A compaña dos xemelgos e o bo labor da coidadora Reyes, unidas á tardiña de sol e aos moitos metros cadrados de céspede para correr, obraron a miragre.

Moito máis tarde, xa de noite, a Catuxa apareceu de volta pola nosa mesa. Xa albiscabamos o inicio do baile e, como non, ela apuntouse á troula. Tres cancións de salsa despois, o corpo xa non lle daba para máis e, perto das dez de noite, iniciamos o camiño de volta ao Valiño.

Pouco antes de ficar durmida na súa cadeira do coche, a miñoca acertou a dicir: "Papi, mami, paseino moi ben no casamento de Susana".

 

Comentarios

Susana ha dicho que…
home non! a rapaza si que sabe....
moitas gracias, eu tamen o pasei xenial...
tomeiche a foto prestada para o facebook
espero que me pases o resto....
gracias por todo
bikos

Entradas populares