Paulo e o ovo

Como xa contamos en entradas anteriores acabamos de estrear a tempada de verán cos primeiros baños na piscina.

A novidade principal do primeiro día foi que Paulo, que o pasado ano non quería saber nada da auga, colleulle o gusto a nadar e agora non hai quen o saque. Pero, o que mais lle gusta con moita diferencia é poñerse de crequenas na veira para coller o termómetro que flota na pisci e que ten forma de ovo fritido. Así, si non está metido na auga co churro, está darredor da pisci dicindo "o ovo, o ovo" para que llo acheguemos e el o colla para lanzalo de novo.

Nunha destas, o pasado domingo, a iso das sete da tardiña, cando xa estabamos todos enxoitiños nas tumbonas despois duns baños e dunha boa merenda, Paulo comezou co seu particular xogo, e, nun pestanexo, perdeu o equilibrio e caeu de cabeza (con pucho e todo) dentro da pisci. Entón a mami non lle quedou mais remedio que lanzarse ó rescate. "Venlle ben", pensamos nós, "así colle un pouco de medo e deixa de xogar a coller cousas da auga dende a veira". Pero nada mais lonxe da realidade, mudámolo e mentres fun levar a roupa mollada á corda, escoitei outros dous chapuzóns. Nesta ocasión foi papi o que salvou ó mergullador.

Á vista dos antecedentes, a primeira compra do luns foron dous pares de manguiños para Paulo.

Comentarios

MARCO ha dicho que…
juas, juas,... me encanta

Entradas populares