Mickey veu á Coruña (e nos fomos velo, claro)

Levabamos agardando moito tempo por este día, desde que alá por primeiros de agosto soubemos que Mickey ía visitar A Coruña e mercamos as entradas, case en primeira fila. Sabiamos que Catuxa ía pasalo de marabilla - e así foi -, pero o comportamento de Paulo en medio de dez mil persoas, el que odia as multitudes, era unha incógnita.

E claro, como non podia ser doutro xeito, nada máis entrar no recinto, o rapaciño púxose a chorar, berrar e patuxar con tódalas súas forzas. O apagar das luces e o inmediato berrido de miles de nenos non contribuíron nada a mellorar a cousa. Eu xa pensaba que ía ter que marchar, pero foi saíren Mickey e Minnie ao escenario e comezaren a sonar voces familiares - o chou era en playback e as voces dos bonecos eran as mesmas que na tele - e Paulo acougou; poucos minutos despois estaba aplaudindo e berrando "beeeeeennnn!!!".

Ao longo de hora e media - cun descanso de dez minutos, ao remate do cal repetiuse a "operación berros" de Paulo - desfilaron por alí Mickey, Minnie, Goofy, Donald, Brancaneves, os ananos, a Cincenta, os príncipes, a madrastra, a raíña, a bela e a besta. Catuxa non daba asimilado todo o movemento, estaba abraiada con tanto despregamento de luces, son e persoaxes, ben agarrada ao seu caldeiro de flocos de millo.

En fin, unha tarde máxica, sen dúbida. Deixámosvos aquí un vídeo - bastante escuro, pero moi ilustrativo - e unhas cuantas fotos que amosan ben o que foi a tarde. Seguro que han tardar en esquecela.










Comentarios

Entradas populares