Como é Catuxa

[En castellano] Os habituais deste blog xa se terán feito unha imaxe do xorne de Catuxa, seica algo sesgada polas louvanzas sen mesura da avoa. Ademais, as galerías de fotos (si, xa sei que hai tempo que non se actualizan, pese á petición expresa da bisavoa: prometo facelo axiña, perdoa agüela), transmiten a imaxe física da miñoca.

Pero, a pesar disto, non está de máis facer un repaso do temperamento da rapaza. Así que vexamos que adxectivos son aplicabeis á Catuxa:
  • Prudente. Vai ser difícil que un ladrón roube na casa: segundo entramos vindo da rúa, ela corre a pechar a porta empurrando coas dúas manciñas; pouco importa que os demais aínda non tiveramos tempo de pasar. E cando senta na súa cadeira do coche, como non bulas a poñerlle o cinto, xa ela se encarga - sen moito éxito - de agarralo e encaixar as pezas do peche.
  • Ordeada. Se a miñoca atopa calquera cousa no chan de casa que cheire a inútil, xa a está collendo e arrancando camiño da cociña. Alí, abre a porta onde está o cubo do lixo e bota o refugallo... ou o presunto refugallo, que xa a temos atopado botando no lixo algún calcetín. Claro, diredes, ¿e que facía o calcetín no chan? Boa pregunta.
  • Presumida. Vai ser terrible de adolescente. Non hai día que non te leve ao seu armario dos zapatos e, entón, estás perdido. Porque pasarás non poucos minutos poñendo e quitando as botas ou as zapatillas de deporte ou as da casa; entre par e par, a miñoca pasea polas habitacións para amosar o novo par a todo o que se atope por alí e sentir "¡que bonitos zapatos, Catuxa!" E quen di os zapatos, di tamén o caixón coas diademas ou cos puchos. Cando non aparece peiteándose torpemente con cara de "¿a que agora estou máis feitiña que cos pelos rebeldes?"
  • Larpeira. A mincha almorza ás 9:30, xanta ás 13:30, merenda ás 17:30 e cea a iso das 21:15. E, polo medio, non fai máis que pedir comida cos seus lexendarios chasquidos da boca. Falar non fala, pero pedir pide bolachas, cereais ou iogures cunha claridade absoluta. E agora, a súa avoa materna estalle a descobrir o marabilloso mundo da Nocilla...
  • Cuadriculada. Catuxa é muller de rutinas. Sempre os mesmos pasos para deitarse no berce a durmir, tras rematar Epi e Blas. Na súa casa o na dos avós, sempre ha comer na mesma cadeira. Cando voltamos no coche, sempre as mesmas comprobacións coas luces dos elevadores do garaxe. Cuadriculada, como din que é o pai.
  • Impaciente. Para todo, todo xa, todo axiña, todo agora. Isto aplica tamén para os xogos: como a peza non encaixe no buraco á primeira... Seica aquí tamén é cuspidiña ao pai.

Pero, sobre todo, Catuxa é un encanto de rapaza. Neste caso, non hai dúbida de que isto lle ven da nai.

Comentarios

Entradas populares