Percorrendo Aysén


Moitas fotografías temos para esta entrada, e máis que quedaron gardadas por que nalgún momento había que cortar. As vacacións do verán chileno deste ano foron espectaculares, polas paisaxes, pola natureza.....
Saímos ben cedo de Santiago, e chegamos a Balmaceda a iso das 9.30h. No aeroporto xa nos agardaba Adolfo, o conductor que nos acompañou durante toda a nosa estadía e, ahí mesmo, comezou o noso espectacular percorrido por parte da Rexión de Aysen. A xornada adicámola a facer os casi 300 km que separan o aeroporto da nosa hospedaxe: o Mallín Colorado, pero hai que ter en conta que a estrada era maioritariamente de pedras e en cada curva obrigabamos a Adolfo a deterse para facer fotos.
Esta primeira foto está tomada nun miradouro sobre Villa Cerro Castillo, un pequeno pobo aos pés do Cerro Castillo, onde aproveitamos para xantar uns "sanguches" tamaño extra-grande.


A media tarde chegamos ao Mallín Colorado, un pequeno lodge formado por 4 fermosas cabañas íntegramente de madeira, cunhas espectaculares vistas sobre o Lago General Carrera, o segundo máis grande de Suramérica, compartido entre Chile e Arxentina. A nosa cabaña chamábase Raulí, que é unha árbore autóctona da zona.




Os almorzos, xantares e ceas eran na casa principal, co lume da cheminea encendido e aproveitando as froitas e verduras que os propietarios das cabañas cultivan nunha pequena horta.



Dentro da estancia, as cabañas estaban bastante separadas entre sí, e tiñamos que camiñar uns minutos para ir á casa principal. O mellor sempre era a volta cando, xa noite pechada, as únicas luces que nos iluminaban eran as dos milleiros de estrelas que había no ceo.



A segunda xornada achegámonos ata as "Capillas de Mármol", unhas covas formadas polo desgaste da auga no Lago General Carrera. Fixemos a travesía nun pequeno bote a motor, do tamaño xusto para meternos dentro de varias das covas. A auga da lagoa é tan fría como transparente, por non falar da cor. E, despois de xantar uns bos bocadillos camiñamos una anaco para chegar a un miradouro sobre o Glaciar Exploradores.


 


O mércores erguémonos con un tempo moi parecido ao galego, nubes e choiva, pero eso non foi impedimento para unha nova excursión matinal: a confluencia dos ríos Baker e Neff.


E pola tarde, aproveitando algún claro no ceo, unha pequena camiñata arredor das cabañas para ollar o Lago General Carrera dende as alturas.



O xoves chegou a xornada mais longa, pero a que máis disfrutamos, a visita á Laguna de San Rafael co seu glaciar. O madrugón foi importante, casi 3 horas de coche para chegar ao embarcadoiro de onde partía o bote que percorrería durante outras 2,5 horas ríos e lagos ata chegar a destino.



Os cativos quedaron abraiados coa magnitude da mole de xeo, e a intensa cor azul dos témpanos, ata tivemos a sorte de disfrutar do desprendemento dun bo anaco do glaciar.


Catuxa e Paulo, os únicos nenos da expedición, foron os primeiros en catar un bo trago de zumo nunha cunca "ben fresquiña",



Xa o venres, a última xornada completa da nosa estadía, decidimos pasar o día no Lodge e, aproveitando o bo tempo, fixemos unha camiñata montaña arriba para chegar a un miradouro no alto dende o que se podían ver os Lagos Bertrand e Plomo. Alí estivemos sentados durante case unha hora, abraiados pola claridade das vistas, as montañas nevadas y a cor turquesa das augas.







En total, case 4 horas de excursión a pé que ben valeron o esforzo. E, despois de xantar, tocou disfrutar dun paseo mais relaxado no lombo dos cabalos de Don Victor.



Esta viaxe foi unha experiencia única para toda a familia, disfrutamos como nunca da natureza en estado puro.

Comentarios

Entradas populares