Pola Costa da Morte

Mami tivo unha marabillosa idea este venres. Sen lle dicir nada a ninguén, reservou nunha casa rural no concello de Muxía. Como todos os venres, a iso das cinco pasou recollerme polo traballo para ir polos nenos ao cole. Pero o maleteiro do coche viña cheo coas bolsas para a excursión.

Chegamos á "casa de Belén" (o mellor das casas rurais galegas é o trato persoal das familias propietarias; para os nenos, as últimas nas que estivemos son a casa de Francisco, a casa de Tito e, agora, a casa de Belén) xa de noite, con tempo para cear e durmirmos os catro no mesmo cuarto.

Sábado erguémonos cedo, almorzamos abondo - almorzo da casa: pan saído do forno, queixo da aldea, zumo de laranxa, leite fritido, torradas, croissants, froita... - e saímos a unha excursión deliciosa polos concellos de Muxía e Camariñas, percorrendo todo o litoral desde o Cabo Touriñán até o Cabo Vilán.

Os nenos pasárono en grande. Chamoulles a atención o mar cabreado, as ondas "chimpando" e a escuma branca xogando co azul do mar. Velaquí as fotos.










Comentarios

Entradas populares