Subindo Cerro El Roble



Esta excursión dominguera foi perto de Santiago, a uns 50 kms cara o norte. Subimos un "cerro" que é como chaman en Chile as montañas non demasiado altas, ainda que si as comparamos coas montañas galegas estamos falando de cousa seria.
Este, concretamente, chámase Cerro El Roble e ten unha altura de 2.222 mts sobre o nivel do mar, (a parte máis alta de Cabeza de Manzaneda está a 1.780 mts, para que vos fagades unha idea).


O mellor do Cerro El Roble son as súas magníficas vistas sobre a cordillera dos Andes e sobre o Aconcagua, así como sobre o val de Caleu e o Parque Nacional La Campana, claro que para iso habería que ter contratado o día sen nubes.
A subida é doada, con camiño ancho pero en continua pendente, tardamos unhas tres horas e media en chegar arriba dende o lugar onde aparcamos o coche. Ainda que xa era xullo e por tanto inverno, a temperatura era moi agradable e camiñabamos en camiseta sobre a neve nas zonas orientadas ao sur.



Cando chegamos ao cumio si que tivemos que facer uso dos xerseis e cortaventos para poder sacar as fotos de rigor.


Nesta foto temos os Andes nas nosas costas e a montaña mais alta que se ve á nosa esquerda é o Aconcagua.



A baixada foi moito máis rápida, levounos unhas dúas horas chegar ao punto de partida, e tamén moito máis divertida por que, por causa do xeo, mami esvarou e caeu tres veces de cu, coas conseguintes gargalladas do persoal.



O mellor foi pasar o día xuntos, disfrutando da natureza e respirando aire puro fora da contaminación da gran cidade.

Comentarios

Entradas populares