Cúper
Cúper ten unha planta impresionante, maxestosa. É un can que chama a atención. Se o león é o rei da selva, Cúper é o rei do Peredo.
Cúper ten moitas e diversas afeccións. Como bo pastor alemán, a favorita é perseguir e aboucar paus. En realidade, persegue e morde todo aquel obxecto inanimado que poida meter na boca: os troncos da leña do avó, calquera pelota que atope, ou incluso cítricos: el mesmo sérvese cos limóns ou laranxas do limoeiro e da laranxeira.
No verán, Cúper emula a Mark Spitz. Ou, alomenos, téntao. Encántalle nadar na piscina, sobre todo se hai alguén de nós na auga. Cúper nada de marabilla, é un can-rá. Pero o avó non debece polos cans-rá. A relación amor-odio entre o avó e Cúper acada o seu cumio coa piscina: seica os pelos do can na depuradora teñen a culpa.
Cúper é tan grande e bonito como papón. Os seus chimpos e ladridos fan que Catuxa ría. Por iso a Catuxa góstalle moito Cúper, aínda que, ao tempo, tenlle respecto, porque é moito máis grande ca ela e bastante brutiño.
En calquera caso, velaí a tedes: con catro mesiños, marcando o territorio: "¡Neno, nin ouses moverte, ou esnaquízote a orella!"
Comentarios